Monday 13 de May de 2024

A Xunta presenta ao concello da Coruña unha proposta para facilitar a construción de 500 novas vivendas no Barrio de Xuxán


— O IGVS demanda axilidade nos trámites administrativos municipais, como a concesión da licencia de primeira ocupación de 40 vivendas, cuxos adxudicatarios están pendentes de recibir as chaves

— O director xeral incide en que ten que ser o concello quen elabore un estudo que acredite a necesidade e conveniencia da declaración de zonas tensionadas

A Xunta de Galicia presentou hoxe ao Concello da Coruña a proposta de modificación da normativa urbanística para destinar a uso residencial dúas parcelas previstas actualmente para oficinas, co obxectivo de permitir a construción de 500 vivendas protexidas máis.

Así llo trasladou na reunión que mantiveron hoxe, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, ao concelleiro delegado de Urbanismo, Francisco Dinís Díaz. Esta proposta vén motivada por unha maior demanda de vivenda protexida na cidade fronte á de oficinas comerciais.

Nese senso, o director xeral avanzou que nas próximas semanas terá lugar unha nova reunión de carácter técnico co fin de avanzar nesta modificación.

A maiores, no encontro, Heriberto García reiterou a necesidade de que o Concello axilice, canto antes, a tramitación de solicitudes relativas a este ámbito como, por exemplo, a licencia de primeira ocupación das 40 vivendas construídas polo IGVS, requisito imprescindible para facer entrega das chaves aos seus adxudicatarios.

Unido a isto, recordou que existen outros trámites municipais e consultas pendentes que afectan ao desenvolvemento dos novos proxectos que a Xunta ten para este barrio, como é a edificación de dous novos inmobles, nos que está prevista a construción de 98 novas vivendas de promoción pública.

Así mesmo, o director xeral do IGVS tamén se interesou pola execución das obras de remate da urbanización por parte do Concello, xa que o Goberno galego adiantou fondos para facilitar ditas obras.

Declaración de zonas tensionadas
No que atinxe á solicitude de declarar zonas tensionadas, o director xeral do IGVS explicoulle ao concelleiro que o escrito presentado polo Concello a semana pasada carece de contido ao tratarse dunha mera solicitude e ao non estar acompañado de ningún estudo.

Así, Heriberto García incidiu en que é a Administración local a que debe presentar un informe detallado que acredite a súa conveniencia e, incluso, facer a declaración correspondente, tal e como establece a lei. Neste senso, García indicou que é preciso ser cauteloso na aplicación das medidas previstas na lei para a declaración de zonas tensionadas xa que, segundo as experiencias previas de varias cidades europeas e como advertiron informes elaborados por organismos como o Banco de España, poden ter un efecto contrario ao desexado, como é o desvío de vivendas do mercado residencial ao turístico e a diminución ou desaparición de novas promocións de vivenda para alugueiro.